-
Actuarase na marxe esquerda da estrada OU-101, na que se construirán sendas peonís para mellorar a seguridade viaria dos veciños destes tres municipios
-
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar as obras en setembro, cun prazo de execución de seis meses
-
A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km e pasa polos tres concellos, mentres o itinerario de Paderne de Allariz terá unha lonxitude de 640 metros, iniciándose á altura do núcleo de Cascarreira e continuando ata O Paiseo
-
Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€
-
A Xunta continúa dotando as vías autonómicas de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer os desprazamentos a pé dos peóns
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022.- A consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por case 880.000€ a execución das obras das novas sendas na Medorra e Paiseo, nos concellos do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz.
Os traballos, adxudicados á UTE Construcciones Orega, S. L. – Coviastec, S.L., teñen o obxectivo de fomentar a mobilidade urbana e interurbana sostible coa construción de itinerarios peonís.
As actuacións centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria aos veciños destes tres municipios e facilitando os seus desprazamentos a pé, ao tempo que se revalorizan as zonas polas que pasan.
A Xunta prevé iniciar as obras en setembro, xa que o levantamento de actas de ocupación está previsto para o 25 de agosto. Os traballos terán un prazo de execución de seis meses. O obxectivo é que os novos itinerarios poidan estar xa ao servizo dos veciños na primavera do 2023.
A intervención prevé a construción de dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada OU-101 que sumarán en total 2,8 km. No caso do itinerario na Medorra discorrerá polos tres concellos, e na senda do Paiseo, polo concello de Paderne de Allariz.
A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo na súa meirande parte polo municipio do Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia ata chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada OU-537, onde esta senda solaparía en execución na contorna dos parques empresariais.
O itinerario de Paderne de Allariz iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continuará ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 metros.
As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. Nalgúns treitos contarán con gabia revestida, e estarán separadas da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección elixida en cada treito: gabia revestida e con perfil de seguridade; franxa de vexetación máis bordo; bordo prefabricado, ou a combinación destes tres elementos.
Tamén se executarán muros de sostemento do terreo no treito da Medorra, traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público, ademais da adecuación de 3 paradas de autobús ás que se dotará de 3 novas marquesiñas.
As intervencións, que suporán un investimento autonómico global de 1 M€ tendo en conta as expropiacións necesarias, contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.
Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa dotando as vías autonómicas de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer os desprazamentos a pé dos peóns.