BASES REGULADORAS DE AXUDAS Á NATALIDADE OU ADOPCIÓN: COA TARXETA “BENVIDO/A AO PEREIRO V”.CONVOCATORIA 2025

Primeira. Obxecto da axuda

Constitúe o obxecto destas bases a regulación das axudas que o Concello do Pereiro de Aguiar, lle outorgará, mediante concorrencia non competitiva, á persoa que durante os anos 2023-2024-2025 teña un fillo ou filla, teña constituída a tutela ou adopción dun neno ou nena, a través do procedemento establecido nos artigos 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A través do procedemento regulado nestas bases, o Concello do Pereiro de Aguiar concederá axudas polo feito certo do parto/tutela/adopción dun neno/a que tivera ou teña lugar durante os anos 2023-2024-2025.

Segunda. Beneficiarios/as

Poderá ser beneficiario/a destas axudas:

  • O/a proxenitor/a dun/unha menor nacido/a entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.
  • O/a adoptante dun/unha menor, sempre que a constitución da adopción teña lugar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.
  • O/a titor/a dun/unha menor, sempre que a constitución da tutela se faga entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.

En todos os casos é preciso cumprir as seguintes condicións:

  • A persoa solicitante ten que figurar empadroado/a no Concello do Pereiro de Aguiar na data da solicitude da axuda e acreditar unha antigüidade no empadroamento no mesmo, polo menos, de 1 ano ininterrompido e inmediatamente anterior á data da presentación da solicitude.
  • O/a menor que causa o dereito á axuda ten que constar inscrito/a no Padrón de habitantes do Concello do Pereiro de Aguiar na data de presentación da solicitude.

Cada neno/a nacido/a, tutelado/a ou adoptado/a dará dereito a unha única axuda a favor da persoa solicitante: proxenitor/a, titor/a ou pai/nai do/a menor.

Terceira. Dispoñibilidade orzamentaria

A contía máxima destinada a esta convocatoria será financiada con cargo da partida da aplicación orzamentaria 231.480-03. 

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos establecidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Cuarta. Contía

A axuda terá un importe certo de 250,00 € por neno/a . 

Quinta. Solicitudes: prazos, lugar de presentación e documentación

As solicitudes para nenos/as nacidos/as nos anos 2023, 2024 e 2025 poderá presentarse dende o día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e ata o día 30 de novembro de 2025. No caso de que o nacemento ou constitución da adopción ou tutela que motiva a solicitude tivera lugar entre o día 30 de novembro e o día 31 de decembro de 2025, o prazo para presentar a solicitude será ata o día 12 de xaneiro do 2026.

As solicitudes poderán realizarse de modo presencial ou telemático, neste último caso a través da sede electrónica do Concello do Pereiro de Aguiar (https://concellopereiro.sedelectronica.gal/info.0), utilizando o trámite de solicitude de instancia xeral dispoñible na sede. Para presentar a solicitude por medios electrónicos, é necesario dispoñer dos certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica.

  1. Para a presentación da solicitude terá que utilizarse o formulario normalizado que se achega como anexo, no que se inclúe unha declaración responsable de non incorrer nas prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para obter a condición de beneficiario/a, substituíndo esta declaración a presentación de certificacións do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, por tratarse dun dos supostos establecidos na letra e) do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia. 
  1. Xunto co formulario de solicitude, o/a interesado/a, en atención ao establecido no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán achegar :

a) Copia do DNI, ou documento identificativo.

b) Copia do certificado de empadroamento do/a solicitante, só no caso de non autorizar a consulta.

c) Certificación literal de inscrición de nacemento expedida polo Rexistro Civil. 

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que constitúa a adopción ou tutela.

No caso de que a persoa solicitante tivera sido beneficiaria da tarxeta “CHEGOU” da Deputación de Ourense nos anos 2023, 2024 ou 2025, non terá que achegar a documentación expresada nos puntos a), b), c) e d), podendo substituílos pola autorización ao Concello para a consulta deste datos na Deputación de Ourense. O formulario para esta autorización será facilitado polo Concello de Pereiro de Aguiar xunto co formulario de solicitude da axuda.

En todo caso, se por razóns técnicas e/ou informáticas non puidese ser posible a comprobación dalgún dos requisitos da persoa solicitante, o Concello do Pereiro de Aguiar poderá solicitarlle que achegue a documentación probatoria, que será dixitalizada para ser incorporada ao expediente electrónico da solicitude.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse ao Concello do Pereiro de Aguiar que lles prestará a asistencia precisa, en horario de 9.00 a 14.30 horas, de luns a venres.

Sexta. Xestión de solicitudes e concesión de axudas

O Concello do Pereiro de Aguiar xestionará as solicitudes presentadas.

Unha vez recibidas as solicitudes, os servizos administrativos do Concello de Pereiro de Aguiar xestionarán as solicitudes presentadas en prazo , salvo naquelas solicitudes que, por algunha causa, fose imposible comprobar os requisitos de forma automática ou fose preciso requirir a persoa solicitante para presentar algunha documentación. 

As solicitudes que fosen conformes integraranse nun listado no que se incluirán todas as xestionadas quedando automaticamente concedidas as axudas. Paralelamente remitirase á entidade financeira a listaxe para que procedan a emitir as tarxetas electrónicas.

  1. No caso de que a documentación presentada estivese incompleta, o Concello remitiralles mediante notificación, un requirimento de emenda de deficiencias, concedendo un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación ou emenda de erros que proceda.
  2. No caso de que a documentación presentada estivese completa, formularase Resolución da Alcaldía de concesión ou denegación da axuda, concedendo a axuda no caso de que cumpra os requisitos establecidos ou denegándoa en caso contrario.

Sétima. Réxime de protección dos datos achegados coa solicitude

1. O tratamento polo Concello dos datos persoais achegados polos/as solicitantes fundaméntase no disposto nos apartados c) e e) do artigo 6 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, así como no artigo 6.2 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección dos datos de carácter persoal, ao ser a achega dos datos e informacións esixida nestas bases necesaria para o cumprimento do disposto na lexislación xeral de subvencións, así como para a comprobación do cumprimento dos requisitos e valoración das solicitudes consonte ao indicado nas propias bases.

En consecuencia, a negativa a facilitar estes datos ao Concello determinará a exclusión da persoa interesada do procedemento.

2. En cumprimento do establecido no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, infórmase aos/ás interesados/as do seguinte:

  1. A responsabilidade do tratamento dos datos é do Concello de Pereiro de Aguiar, cuxo representante legal é o seu alcalde, Luis Menor Pérez, con domicilio para os efectos de notificacións na praza do Concello, n.º 1, 32710 O Pereiro de Aguiar (Ourense), teléfono de contacto 988 259 385 e correo electrónico [email protected]
  1. O delegado de protección de datos é o Servizos de Adaptación Continua en Protección de Datos RB, S.L. co que poderá contactar en [email protected]
  1. Os datos subministrados coa solicitude destínanse unicamente a garantir o cumprimento do establecido na lexislación xeral de subvencións, a comprobar que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos para poder ser beneficiaria/o, para valorar a súa solicitude e para emitir as correspondentes tarxetas Benvido ao Pereiro. 

Ademais, e en cumprimento do establecido nos artigos 20 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e 8.1.c) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia e bo goberno, a información relativa ás axudas concedidas, alí establecida, será obxecto de publicación segundo se prevé na normativa de aplicación. 

Publicaranse igualmente na sede electrónica e na páxina web municipal www. pereiro.gal/. As publicacións referidas manteranse durante un prazo mínimo de catro anos desde que se publiquen, podendo, a partir dese prazo, ser suprimida de xeito motivado a publicación de oficio polo Concello do Pereiro de Aguiar ou ben a solicitude das persoas interesadas, dirixida ao responsable do tratamento. En todo caso, as solicitudes e o resto de documentación que conste no expediente atoparase a disposición doutras persoas interesadas no procedemento para os solos efectos da formulación de reclamacións ou interposición de recursos que legalmente procedan contra o acto de resolución, e baixo a condición de que os datos de identidade persoal dos/as interesados/as non se poidan facer públicos.

  1. A base xurídica do tratamento dos datos achegados coa solicitude é a necesidade deses datos para o cumprimento das obrigas legais que impón a lexislación xeral de subvencións, en tanto que administración pública concedente (artigo 6.1.c) do Regulamento UE 2016/679 e, no caso dos datos para acreditación do cumprimento dos requisitos específicos da convocatoria e valoración de solicitudes, a necesidade deses datos para satisfacer a finalidade de interese público perseguida con esta convocatoria (artigo 6.1.e) do Regulamento UE 2016/679).
  1. Os datos subministrados ao Concello serán tratados polo persoal autorizado para a tramitación da solicitude, suxeitos a deber de reserva salvo os referidos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil que lle serán comunicados, no momento da concesión da axuda, á entidade financeira colaboradora para que poida emitir a tarxeta electrónica coa contía da axuda, e tratalos, para emitir, estampar e gravar a tarxeta e cantos procesos e operacións poidan ser precisos para a activación e xestión.

Sen prexuízo do anterior, os datos subministrados polo/a solicitante poderán ser cedidos a terceiras persoas nos seguintes casos:

  • A membros da Corporación que o soliciten, aos xulgados e tribunais, para os efectos da resolución dos recursos xudiciais que poidan interpoñerse contra a decisión de adxudicación, así como ao Ministerio Fiscal, Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo, Tribunal de Cuentas e Consello de Contas, na medida en que sexa necesario para o exercicio das funcións destas autoridades públicas.
  • Ás persoas que o soliciten ao abeiro do disposto na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia e bo goberno, tras o expediente contraditorio con audiencia do/a interesado/a titular dos datos e nos termos establecidos na dita lei.

Estes datos poderán ser cedidos a terceiras persoas nos seguintes casos:

  • Ao resto de solicitantes ou os seus representantes legais cando así o reclamen para a formulación de reclamacións ou interposición de recursos contra o acto de adxudicación.
  • A membros da Corporación que o soliciten, aos xulgados e tribunais, para os efectos da resolución dos recursos xudiciais que poidan interpoñerse contra a decisión de adxudicación, así como ao Ministerio Fiscal, Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo, Tribunal de Cuentas e Consello de Contas, na medida en que sexa necesario para o exercicio das funcións destas autoridades públicas.
  • Ás persoas que o soliciten ao abeiro do disposto na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia e bo goberno, tras o expediente contraditorio previo con audiencia do/a interesado/a titular dos datos e nos termos establecidos na dita lei.
  1. En ningún caso se transferirán os seus datos persoais a un terceiro país nin a unha organización internacional.
  1. Os datos subministrados conservaranse nos arquivos do Concello de forma indefinida, para os únicos efectos da súa conservación conforme ao disposto na lexislación sobre arquivos do sector público e na lexislación sobre patrimonio documental cultural.
  1. As persoas interesadas poderán solicitar en todo momento da Alcaldía do Concello o acceso aos seus datos, así como a súa rectificación, de ser o caso. 

Poderá solicitarse a limitación do tratamento dos ditos datos, referida á súa publicación, unha vez transcorrido o prazo de catro anos establecido nestas bases. Poderá formularse igualmente a oposición ao tratamento dos datos, motivada pola situación particular do/a interesado/a, nos termos establecidos no artigo 21 do Regulamento UE 2016/679.

Os dereitos sinalados neste apartado poderán exercerse mediante escrito dirixido á Alcaldía do Concello. De conformidade co disposto no artigo 20.3 do Regulamento UE 2016/679, non será de aplicación o dereito á portabilidade dos datos subministrados ao Concello neste procedemento.

  1. En todo caso, as/os interesadas/os poderán formular as reclamacións que considere oportunas en relación co tratamento dos seus datos persoais ante a Axencia Española de Protección de Datos.
  1. En ningún caso se procederá á adopción de decisións automatizadas nin á elaboración de perfís persoais cos datos subministrados, que non serán obxecto de tratamentos diferentes aos expresamente establecidos nesta cláusula.
  1. A falta de subministración ao Concello do Pereiro de Aguiar dos datos persoais requiridos, ao constituír un requisito legal para a selección dos/as beneficiarios/as, dará lugar á súa exclusión do procedemento.

Oitava. Tarxeta electrónica do Concello do Pereiro de Aguiar

As persoas que resulten beneficiarias da axuda e figuren na Resolución da Alcaldía recibirán no enderezo sinalado na solicitude, a súa tarxeta electrónica, tarxeta “Benvido ao Pereiro”.

O funcionamento da antedita tarxeta é o que segue:

A persoa beneficiaria deberá activar a tarxeta seguindo as instrucións que se acompañarán xunto coa remisión da tarxeta ao seu domicilio, e so poderá usarse para facer compras ou pagos no comercio local da provincia de Ourense/do Concello, quedando excluída a posibilidade de facer compras online ou obter efectivo en caixeiros automáticos nin nas oficinas na entidade financeira.

O/a beneficiario/a deberá activar a súa tarxeta seguindo as instrucións que se acompañarán xunto coa remisión da tarxeta ao seu domicilio, e relacionados co/a neno/a, estando excluído o seu uso en liña e directamente en caixeiros automáticos ou mesmo na entidade financeira.

O prazo máximo durante o que estará activa a tarxeta será o 31 de maio de 2026.

Novena. Gastos subvencionables

As axudas terán como finalidade adquirir produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde en farmacias e/ou parafarmacias, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que sexan realizados en data posterior á do nacemento/adopción do/a neno/a que motiva a axuda e ata o 31 de maio de 2026

2. Que conste como executora do gasto a persoa beneficiaria da axuda.

Décima. Xustificación e pago das axudas

En atención ao establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda vez que a concesión da axuda está motivada pola concorrencia no/a solicitante beneficiario/a da circunstancia acreditada de ser proxenitor/a dun/unha neno/a nacido durante os anos 2023-2025, titor/a ou pai/nai dun/ha menor adoptado/a durante os anos 2023-2025 non se requirirá outra xustificación que a comprobación xa realizada da situación que motiva a concesión da axuda, isto sen prexuízo dos controis que se establezan para controlar a aplicación do gasto segundo o procedemento descrito.

Por solicitude da Intervención do Concello do Pereiro de Aguiar, poderán esixirse aqueles documentos ou xustificantes complementarios que, motivadamente, se consideren oportunos para unha fidedigna acreditación de que se realizou o gasto. Igualmente, a Intervención do Concello poderá realizar funcións de inspección e control financeiro de conformidade co establecido na Lei 9/2007.

Aquelas contías económicas non utilizadas unha vez finalizado o prazo máximo establecido nestas bases serán automaticamente reintegradas ao Concello do Pereiro de Aguiar, sen que se poida derivar ningún dereito para aquela persoa beneficiaria que non fixese uso da totalidade do crédito inicialmente concedido.

En caso de perda, roubo ou extravío da tarxeta, o Concello non se fará responsable unha vez firmada a recepción da mesma. 

Décimo primeira. Compatibilidade

A percepción desta axuda será compatible con calquera outra axuda concedida polo Estado, pola Comunidade Autónoma de Galicia, pola Deputación Provincial de Ourense ou por calquera outra administración.

Décimo segunda. Normativa supletoria

En todo o non disposto nestas bases seralle de aplicación á convocatoria e ás subvencións que se conceden ao seu abeiro, o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións e a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os seus regulamentos de desenvolvemento no que sexa de aplicación a Administración local, así como a lexislación aplicable en materia de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo.