Ao longo da xeografía deste concello, atopámonos con diversos campos de fútbol nos que se pode practicar este deporte na modalidade de afeccionado, pero centraremos este enlace nos clubes inscritos na Federación Galega de Fútbol, que militan en categorías rexionais e provinciais, comentando a súa historia e logros deportivos máis destacables.
Os tres equipos máis representativos son: C.F. Loñoá, S.D Melias e C. At. Vilariño.
C. Atl. Vilariño
O club At. Vilariño é un dos clubes ourensáns con máis antigüidade e arraigo no fútbol ourensán.
Fundouse no ano 1945 sendo presidente D. José Ramos Ramos e secretario D. Ricardo Valcárcel Cerdeiro. O número de socios fundacionais cos que partiu este equipo daquela é de 89 e a cota mensual que debían aboar 2 pesetas.
A equipación sufriu varios cambios ao longo da súa historia, comezando por unha cor verde e branca na súa camiseta e pantalón negro.
O primeiro dos partidos que disputa é contra os seus veciños de Melias, rematando co resultado dun gol a cero, favorable aos da parroquia de Sta. Cristina.
No ano 1946 inaugurouse o seu propio estadio, denominado “estadio do Medo”, cunhas medidas que daquela eran de 72 m de longo por 33 m de ancho sendo a madriña dona Carmen Nespereira e o partido inaugural disputárono os equipos de Melias e Vilariño, sendo o resultado 2-2.
Nos anos 1949-50 a súa uniformidade sufriu a primeira das modificacións, pasando a ser camiseta azul cunha raia horizontal amarela e pantalón azul, imitando á do equipo de Boca Juniors arxentino, agasallo dun dos seus socios.
No ano 1953 sufriu a súa vestimenta a segunda modificación, pasando a ser, camiseta azul e granate e pantalón azul, manténdose con estas cores ata 1956 onde definitivamente quedan instauradas as súas cores camiseta vermella e pantalón azul.
Durante esta época para poder disputar os seus partidos debían aboar a cantidade de 519,50 pesetas aos donos dos terreos onde se atopaba o campo do Medo ,posto que disfrutaban del en réxime de aluguer.
No ano 1959 prodúcese a ampliación do terreo de xogo pasando a 80 metros de longo e 40 m de ancho e posteriormente, en 1961, procédese á compra definitiva do terreo de xogo no prezo de 11.626 pts. aos 17 donos aos que pertencían os terreos.
Nos anos 1969-70 celebra as súas vodas de prata e comeza a disputar encontros oficiais. Acudían a formar parte das súas filas por entón insignes xogadores da provincia que marcaron unha época no deporte futbolístico da cidade, quedando clasificados en terceiro lugar no torneo de Liga e subcampións da denominada por entón, “Copa Orense”.
Nos anos 1970-71 procédese a unha nova ampliación do estadio, co fin de adecuar as súas medidas ás regulamentarias e poder disputar así encontros oficiais, pasando a medir 90 m de longo por 48m de ancho, acadando neste ano o campionato de liga de xuvenís.
Na tempada 1977-78 o Club At. Vilariño queda campión da Liga Local.
Nos anos 1979-80 procédese á derradeira ampliación do Estadio, pasando ás actuais medidas de 94 m de longo por 55 m de ancho, acondicionando os vestiarios e dotándoo de aparcadoiro á entrada.
Nos anos 1984-85 ascende a Segunda Rexional permanecendo na mesma durante unha década.
Anos 1994-95 cumpre as súas vodas de ouro, conseguindo ser un dos clubes máis antigos da provincia.
Nos anos 1998-99 acada o seu ascenso á máxima categoría provincial, (1ª rexional) militando na mesma ata o día de hoxe.
No ano 2003 inaugúranse as gradarías do campo do Medo, froito do investimento do Concello do Pereiro de Aguiar, conseguindo mellorar a instalación e axudar ao confort dos seareiros.
Sen ter un palmarés grande en triunfos deportivos pero si grande en experiencia, podemos dicir que este histórico que conta actualmente con 256 socios mantén vivo o espírito futbolístico, ano tras ano, dos seareiros do deporte rei neste lugar.
CF Loñoá
O C.F. Loñoá fundouse no ano 1977 inscribíndose na Terceira Rexional provincial. Durante sete anos participou en dita categoría, desaparecendo no ano 1985.
En 1988 volveu a inscribirse como clube na Federación Ourensá de Fútbol, sendo presidente D. Juan José Vera Iglesias, participando dende esa data ata a actualidade, seis temporadas en Terceira Rexional, dez en Segunda Rexional e outras dúas na Primeira Rexional, actualmente milita en Segunda Rexional.
Na súa andaina nas categorías rexionais cabe salientar que na temporada 1981-1982 chegou á final da desaparecida Copa de Peñas, final que xogou e gañou, no campo do Pavillón dos Remedios, contra o equipo Peña Barcelonista. Tamén obtivo cinco ascensos a segunda rexional, un deles como primeiro clasificado; un ascenso a Primeira Rexional como campión do seu grupo (2002-03) conseguindo na mesma data acadar as semifinais da Copa Deputación de Ourense.
Como un dos maiores logros deportivos, ata o día de hoxe, figura a consecución do trofeo Copa Deputación “B” no ano 2011, no que venceron na final ao Entrimo cun resultado de 0-1.
A súa uniformación actual é camiseta vermella e pantalón vermello, aínda que a súa primeira equipación era a camiseta do FC Barcelona, xa que foi doada por un socio colaborador de Loñoá emigrado.
Disputa os seus partidos como local no estadio de “A Carabina”, que ten unhas medidas de 100m de longo por 57m de ancho e posúe vestiarios regulamentarios, bar e aparcadoiro propio.
No ano 2003 inaugúranse as gradarías do campo do Medo, froito do investimento do Concello do Pereiro de Aguiar, conseguindo mellorar a instalación e axudar ao confort dos seareiros.
O estadio A Carabina convértese no primeiro campo de herba artificial do noso concello no verán de 2012.
Actualmente conta co apoio de 300 socios.
Dende os últimos anos, dispútase o Memorial Luís Domínguez Gil, trofeo que leva o nome dun dos primeiros e mais destacados directivos deste clube. A data deste memorial coincide coas festas do San Antón, patrón de Loñoá do Camiño.
No seu historial directivo foi dirixido polos seguintes presidentes: Juan José Vera Iglesias, Jesús Manuel Ferreiro Dopazo, José Luís Gómez Álvarez, Joaquín Orbán Pérez, María Esther Gómez Pérez, Fernando Domínguez Aguiar, José Manuel Rodríguez Gómez, Julio Vázquez Vázquez e o actual César Cachaldora Nóvoa.
Na parcela deportiva, figuraron como adestradores: Juan José Vera Iglesias, José Orbán Pérez, Julio Vázquez Vázquez, Carlos Iglesias Rodríguez, Juan Carlos Figueiredo, Tomás Gamallo, Julio Vázquez, Manuel Ángel García González, Jose Manuel Rodríguez Gómez Macabra, Julio Vázquez, Victor Manuel Chayán, Castor e o actual Sindulfo Barallobre Vasco.
SD Melias
A S.D Melias fundouse na tempada 1980-81 como iniciativa de varios mozos do lugar de Melias que ata entón estaban desenvolvendo a súa actividade deportiva noutros clubes da provincia, sendo o seu presidente fundador D. Francisco Fernández Pato.
As dúas primeiras tempadas disputou os seus encontros no campo de fútbol do Medo (Vilariño) ao non dispor de estadio propio, pasando a disputar os seus partidos no ano 1984 no actual estadio de “A Abelleira” situado na parroquia de Sta. María de Melias.
O seu actual estadio ten unhas medidas de 90 m de longo x 57 m de ancho. Dispón de vestiarios, cafetería, grada cuberta (ano 2003) e foi construído nun terreo comunal coa colaboración todos os veciños e o concello do Pereiro de Aguiar.
Dispón así mesmo, dun local social situado na antiga escola da aldea onde poderemos atopar un amplo dossier da súa historia acompañada das fotografías e trofeos acadados.
A súa equipación oficial é a camiseta verdibranca e pantalón branco, actualmente milita na categoría de 1ª rexional do fútbol ourensán.
Na actualidade conta con máis dun centenar de socios que contribúen a paliar os gastos que xera este clube.