Pereiro completa unha rede de máis de 50 km de sendeiros

Pereiro completa unha rede de máis de 50 km de sendeiros

Unha actuación promovida polo Concello de Pereiro de Aguiar vén de concluír os traballos de recuperación, creación de sendeiros e posta en valor das rutas do Río Grañal, Sicenata Pacata e circular de Covas. Esta rede de sendeiros permitirá conectar os principais recursos turísticos dentro do concello de Pereiro de Aguiar, tanto dende un punto de vista natural como etnográfico, histórico e cultural. Ofrecendo unha magnífica oferta complementaria á disposta no resto da Ribeira Sacra.

Para o financiamento destas actuacións concorreuse á convocatoria da Axencia de Turismo de Galicia para subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas. O orzamento total da actuación ascendeu a case 30.000€

O desenvolvemento turístico do concello de Pereiro de Aguiar, como porta de acceso natural dende a capital da provincia de Ourense á Ribeira Sacra, é un dos obxectivos prioritarios do goberno municipal. A posta en valor da importante riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do Pereiro de Aguiar para o seu uso, non só por parte da veciñanza local senón que para dotar de servizos á área metropolitana de Ourense que supón máis do 5% da poboación galega. Estes, xunto co cada vez máis elevado número de visitantes fai que o gasto en equipamentos turísticos mude de vez nun investimento que xera un importante retorno socioeconómico ao municipio.

Esta convicción ten permitido nos dous últimos anos, aínda en tempo de pandemia, reformar actualizar os carteis en estradas para informar do mellor acceso en vehículo motorizado aos puntos de interese dentro do municipio. Foi posible igualmente instalar segundo o Manual de Sinalización Turística da Xunta de Galicia (sinalización estática de Patrimonio Monumental) paneis informativos nas principais igrexas do municipio.

A esta mesma estratexia responde a construción dun grande Parque Acuático no termo municipal, infraestrutura que atraerá a numerosos visitantes de diferentes lugares en época estival. Ao que responde igualmente a consolidación da Festa Etnográfica coa que se pretende protexer a tradición e xerar ao tempo un evento cultural que introducir na axenda festiva galega.
En paralelo a todo o anterior, a actuación executada ao abeiro do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia na anualidade 2020, ten permitido aumentar o interese turístico de Pereiro de Aguiar cunha rede de sendeiros que dan continuidade a unha estratexia de diversificación e desestacionalización da oferta. Permitindo esta infraestrutura gozar da riqueza monumental, cultural e paisaxística do concello en calquera época do ano. Sendo visitada por miles de usuarios nos poucos meses que transcorreron dende a súa inauguración.

Apostando pola creación de infraestruturas coas que recibir a eses miles de usuarios, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, mellórase día a día a contorna natural do Encoro de Cachamuíña. Aspirando a converterse no “pulmón verde” da provincia cunha ampla oferta de parques, equipamentos deportivos e culturais.

Coa actuación completada agora avánzase nesta estratexia de posta en valor e conexión dos recursos turísticos de maior relevancia dentro do concello de Pereiro de Aguiar, tanto dende un punto de vista natural como etnográfico, histórico e cultural. Mellorando o acceso dun dos conxuntos epigráficos máis importantes de toda a Península Ibérica (Sicenata Pacata), creando unha oferta complementaria de excepcional valor ambiental ao Ben de Interese Cultural (BIC) de San Pedro de Rocas e conectando unha rede de rutas de sendeirismo de máis de 50 km que engaden valor á oferta turística da Ribeira Sacra.

O proxecto desenvolveuse en tres puntos diferenciados da xeografía municipal:

RUTA DE 8,6 KM SICENATA PACATA – CASTELO DE PARADA: Obras de recuperación e posta en valor do conxunto epigráfico SICENATA PACATA | San Salvador – Vilariño (Parroquia de Santa Cristina)

No extremo máis setentrional do municipio, na ribeira mesma do Río Miño e nunha zona de magníficas condicións naturais, acometéronse unha serie de actuacións de recuperación de camiños tradicionais para mellorar a accesibilidade a un dos conxuntos epigráficos máis importantes de toda a Península Ibérica. Este foi posto en valor grazas ás escavacións arqueolóxicas realizadas. Actuacións que xunto coa restauración dos bens inmobles asociados e a singularidade dos miradoiros próximos converten ao lugar na mellor porta de entrada á Ribeira Sacra dende o Río Miño.

RUTA DE 5,4 KM DOS PICOS DE COVAS – TRIÓS: Obras de mellora dos accesos ao Ben de Interese Cultural – Mosteiro de San Pedro de Rocas, dende a parroquia de San Cibrao de Covas.

Na banda leste do municipio de Pereiro de Aguiar, facendo linde xa co Concello de Esgos, emerxe un dos conxuntos xeolóxicos máis singulares da comarca, formando parte indisoluble xa da paisaxe cultural do Mosteiro de San Pedro de Rocas. Pretendíase coa actuación realizada, crear unha oferta complementaria ao Ben de Interese Cultural coa creación dunha rede de miradoiros paisaxísticos que permitan observar dende a proximidade o monumento rupestre ao tempo que a creación de novas áreas de ocio e esparexemento para os seus visitantes.

RUTA DE 5,6 KM DO RÍO GRAÑAL: Obras de conexión entre a “Ruta dos muíños do río Loña” e a “Ruta dos muíños de Esgos” | Parroquias de San Xoán de Moreiras e San Miguel de Calvelle.

A sinatura entre o Concello de Pereiro de Aguiar e Axencia de Turismo de Galicia, na anualidade 2020, do “Convenio de mellora de infraestruturas turísticas: Río do Loña” ten permitido recuperar unha zona de magníficas condicións naturais e paisaxísticas ao carón deste importante afluente do Río Miño. Aquela actuación permitiu crear unha infraestrutura que hoxe é un punto de recreo sen igual non só para turistas, senón que para toda a área metropolitana de Ourense que representa máis do 5% do total da poboación de Galicia. Esta nova actuación realizada conecta o mellorado Río Loña coa oferta de sendeiros da Ribeira Sacra. En concreto coa Ruta dos Muíños de Esgos, mediante o acondicionamento e embelecemento das marxes do Río Grañal.