MANIFESTO 8 M 2025: “Para todas as mulleres e nenas en toda a súa diversidade : Dereitos, igualdade e empoderamento”. 

Neste 8 de Marzo e baixo o lema de ONU Mulleres para este 2025: “Para as mulleres e as nenas en toda a súa diversidade: dereitos, igualdade e empoderamento ”, o noso concello quere convidar a cidadanía a reflexionar sobre a nosa situación, xa que como entidade temos a responsabilidade social e política de implicarnos activamente na loita diaria pola igualdade de xénero. 

Como sociedade somos conscientes da existencia, da fenda salarial, xa que as mulleres seguen a ter que elixir entre a maternidade e continuar desenvolvendo a súa carreira profesional, son maioría en traballos de ámbitos específicos como os servizos e os relacionados cos coidados, ademais de que as mulleres son ás que realizan a maioría das tarefas non remuneradas nos fogares . 

Estas circunstancias indica que para poñer solución a desigualdade é necesario permanecer traballando nas políticas de igualdade, conciliación e corresponsabilidade como ferramenta básica que permita que as mulleres acaden o pleno exercicio dos seus dereitos. 

Para o noso concello é fundamental garantir os servizos de conciliación, como a Aula Concilia que faciliten que as mulleres e as súas familias poidan conciliar a vida laboral, familiar e persoal como mecanismo que potencie a independencia e autonomía das mulleres. 

A educación é unha ferramenta esencial para combater e previr a desigualdade e calquera tipo de violencia contra as mulleres, por iso consideramos necesario o papel das actividades formativas impulsadas por este concello no fomento da educación en valores, destinados a todas as idades, para que as futuras xeracións vivan nunha sociedade libre de discriminación e violencia, onde se promova a corresponsabilidade. 

Uns dos principios básicos de atención dende o CIM do Pereiro de Aguiar é a atención a tódalas mulleres, tendo sempre en conta a súas particularidades e as súas necesidades persoais, procurando unha atención integral e continua durante todo o proceso de intervención, que contribúa ó seu empoderamento. 

O noso concello estase a enfrontar a un dobre reto, por un lado o fomento da igualdade de xénero e o rexeitamento máis absoluto de calquera forma de violencia, para o que considera imprescindible: 

– O traballo conxunto de tódolos axentes sociais para que traballen de forma conxunta e coordinada para adquirir unha igualdade entre mulleres e homes. 

– A denuncia de calquera forma de violencia ou desigualdade, sobre todo aquela que afecta de xeito máis grave a mulleres en situación de vulnerabilidade e as súas crianzas. 

– A visibilización do papel relevante que teñen as mulleres no progreso social e na xeración de riqueza. 

– A cooperación, apoio e fortalecemento do movemento asociativo que traballe de xeito activo na loita pola igualdade e no rexeitamento da violencia. 

– A necesidade de romper coa fenda de xénero, o cal facilitaría a ruptura do custo de oportunidade laboral, a través do fomento do emprego e a economía sostible.