CORONEL CACHAMUÍÑA

Bernardo González del Valle, “Cachamuíña”

Bernardo González del Valle, coñecido como Cachamuíña, nado na aldea de Cachamuíña (O Pereiro de Aguiar) o 23 de marzo de 1771, e finado o 6 de setembro de 1848, foi un militar galego, coñecido polo seu papel na defensa de Vigo en 1809 na Guerra da Independencia Española

Era fillo de Ignacio González, capitán do rexemento militar de Ourense. En 1791 foi designado subtenente das Milicias Provinciais, tralo cal incorporouse ao rexemento con base en Ferrol. As súas primeiras accións bélicas tiveron lugar no exército do Bidasoa contra os ingleses. Alí, levou a cabo varios actos heroicos, polo que foi ascendido a tenente. En 1800, xa de regreso en Ferrol, distinguiuse na batalla contra os ingleses, polo que foi ascendido a capitán.

No inicio da Guerra da Independencia participou nas batalla de Rioseco, Valmaseda e Espinosa de los Monteros, retirándose despois a León coa súa compañía de granados. Tras contactar co Marqués de la Romana, tomou o mando sobre as guerrillas da zona de Ourense. Xunto con outros granados dispersos que foi incorporando, a súa compañía levou a cabo importantes accións en Ourense e na comarca do Deza. Trala reconquista de Vigo, onde foi ferido cando derribaba a porta da Gamboa a machadazos, foi designado gobernador da vila.

En outubro de 1809 o Marqués de la Romana designouno gobernador da provincia de Tui. Alí organizou a Lexión do Ribeiro, da que foi comandante co grao de coronel.

Estaba casado con Xosefa Ballesteros Carasa, sobriña do liberal Luís López Ballesteros.

En 1932 os seus restos mortais foron trasladados ao camposanto vigués de Pereiró.