A Deputación de Ourense pon en marcha unha campaña de sensibilización veciñal, enmarcada dentro do proxecto piloto de compostaxe comunitaria nos concellos do Carballiño, O Pereiro de Aguiar, e Xinzo de Limia
A Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, poñerá en marcha nos concellos do Carballiño, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia un proxecto piloto para promover a reciclaxe da fracción orgánica dos residuos en orixe a través da compostaxe comunitaria.
No Pereiro de Aguiar, a iniciativa está ideada para o seu desenvolvemento en dúas urbanizacións, sendo as localizacións elixidas, Veiga de Abaixo e Tapada de Bouzas. Para elo, colocaranse as áreas de compostaxe comunitario en zonas estratéxicas permitindo aos veciños e veciñas interesados depositar nestas, os restos orgánicos e biorresiduos xerados nos seus fogares.
Nos vindeiros días o persoal ao servizo da Deputación de Ourense, técnicos da empresa Ancaria, visitará “porta a porta” as vivendas existentes nas ditas urbanizacións, para explicar os pormenores do proxecto, e fomentar a adhesión dos interesados, explicando as vantaxes e facilidades que terán os participantes co uso deste tipo de composteiros.
O proxecto piloto permitirá á Deputación de Ourense e o Concello do Pereiro de Aguiar, ser pioneiros na compostaxe comunitaria, para procurar unha mellor solución para os residuos orgánicos xerados nos fogares, ao mesmo tempo para contribuír en evitar o depósito de restos vexetais de podas nos contedores municipais ou na vía pública.