Enquisa de Poboación Activa 

O Instituto Nacional de Estatística (INE), dentro do programa de enquisas dirixidas aos fogares, está a realizar a “Enquisa de Poboación Activa” neste concello. 

O obxectivo desta enquisa é reflectir a situación real do mercado laboral. 

As vivendas seleccionadas serán contactadas, por teléfono e/ou visita persoal, polas persoas entrevistadoras do INE, quen lles formularán unha serie de preguntas necesarias para a realización desta investigación, tendo a mesma un carácter oficial e obrigatorio. 

Para que serve esta Enquisa?

A Enquisa de Poboación Activa é unha investigación continua e de periodicidade trimestral dirixida ás familias, realizada polo INE desde 1964. A súa finalidade principal é obter datos da forza de traballo e das súas diversas categorías (ocupados/as, parados/as), así como da poboación allea ao mercado laboral (inactivos/as).


Como se seleccionaron as vivendas?

As vivendas foron seleccionadas polo INE seguindo un procedemento estritamente aleatorio, é dicir, ao azar. Desta forma todos os fogares teñen a mesma probabilidade de ser incluídos na mostra. Polo mesmo motivo a mostra só é representativa se colaboran os fogares elixidos, sen omisións.
A mostra fórmana uns 70.000 fogares, representativas por provincias, comunidades autónomas e a nivel nacional. Cada vivenda representa, máis ou menos, a 200 vivendas.


Que é o Instituto Nacional de Estatística?

O Instituto Nacional de Estatística é un Organismo Autónomo encargado da realización de numerosas enquisas incluídas no Plan Estatístico Nacional: Enquisa de Poboación Activa, Índice de Prezos de Consumo, Enquisa de Orzamentos Familiares…


É obrigatorio colaborar coa Enquisa?

A Enquisa de Poboación Activa forma parte do Plan Estatístico Nacional, motivo polo que, segundo as Leis 4/1990 e 13/1996, é obrigatorio facilitar a información solicitada.


De onde obtiveron os datos das vivendas?

O INE dispón, a través do Padrón municipal de habitantes, da relación de vivendas de cada municipio. Unha vez seleccionadas as vivendas que formarán parte da mostra, consúltase no Padrón o nome das persoas residentes nelas e remítese unha carta a unha
destas persoas (sempre maior de idade).


Será confidencial a información que faciliten?

A Lei da Función Estatística Pública garánteo, xa que o segredo estatístico constitúe a garantía de confidencialidade. Todo o persoal do INE ten obrigación de gardar segredo estatístico, non divulgando ningunha información que coñeza en razón do seu servizo. Unha vez completados os cuestionarios, os datos son totalmente confidenciais e a información nunca será difundida de xeito que poida permitir identificar a unha persoa enquisada.

Onde se pode solicitar máis información?

Para calquera información, pode dirixirse á Delegación Provincial ou chamar ao teléfono gratuíto 900 352 207. Tamén pode consultar a páxina web do INE, www.ine.es, na que poderá atopar información sobre os produtos elaborados polo INE, así como un apartado sobre as preguntas máis frecuentes.