DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
#OPereirodeAguiar #PoloBoTrato
Hoxe e todos os días do ano, rexeitamos a violencia exercida contra as mulleres en calquera das súas formas ; violencia física, psicolóxica, económica, simbólica, institucional ou sexual.
Rexeitamos as condutas machistas da man daqueles homes que exercen a violencia como forma de poder e supremacía. Esta discriminación, que procede dunha sociedade patriarcal, limita os dereitos das mulleres à hora de ocupar o seu lugar na sociedade.
A Covid19 supón un estrés económico e psicolóxico importante, que pode desencadear en condutas machistas e irracionais. Debido as restricións sanitarias, moitas vítimas quedaron illadas e acorraladas cos seus maltratadores.
Manifestamos polo tanto o noso apoio ás mulleres vítimas e ás súas familias. Especialmente aos fillos e fillas, que viven o terror da violencia nos seus fogares e son utilizados/as como arma contra a súa nai e chegando en casos extremos a ser asasinados/as.
As políticas de prevención, vixilancia e auxilio ante o maltrato son prioritarias. Sen esquecer que o obxectivo final é acabar cunha ideoloxía que fai distincións entre homes e mulleres.
A promoción da igualdade real e a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto que debe asumir a sociedade en xeral e como entidade municipal debemos fomentar, colaborar e traballar na educación e concienciación da cidadanía aplicando a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas e accións.
Como entidade municipal, e segundo decálogo de boas prácticas da FEGAMP e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, comprometémonos a:
- Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas.
- Integrar a perspectiva de xénero nas nosas decisións
- Difundir unha imaxe non sexista da muller
- Traballar na prevención da violencia machista e promoción de valores de igualdade e respecto entre toda a poboación, especialmente a máis nova
- Fomentar a ética e a co responsabilidade nas tarefas e coidando tanto de menores como de persoas dependentes
- Identificar e emendar as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres
- Respectar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal
- Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos de actuación municipal
- Rexeitar a contratación de actividades nas que se ofrezan unha imaxe sexista da muller
- Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.
Este compromiso xa é unha realidade como poidemos comprobar ao longo deste ano entre outras destacar:
-Ministerio de Igualdade. Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Actuacións de promoción da igualdade e prevención da violencia se xénero.
– Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, administracións públicas e Xustiza, Secretaría Xeral de Igualdade. Actividades de prevención e sensibilización, especialmente dirixidas a xente nova ; o Programa de Igualdade Iguala2, dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade, ou o Programa de conciliación familiar. Tamén se levou a cabo a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. O Centro de Información á Muller será, nos próximos días, un novo recurso de axuda para as mulleres que precisen tanto asesoramento xurídico como atención psicolóxica.
-Destacar por último o proxecto da Deputación Provincial de Ourense, o Parque da Igualdade, e que estará situado na contorna do embalse de Cachamuíña. Un espazo único que renderá homenaxe ás vítimas da violencia de xénero na que se realizarán actividades de prevención e sensibilización, e que forma parte das iniciativas que promove o goberno provincial para desenvolver políticas de sensibilización ante a violencia de xénero.