I Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar

I Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar

Xa está todo listo para que festexemos a 1ª edición da Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar, que levaremos a cabo no pobo de Loñoá. Será un encontro festivo artesanal no que pretendemos recuperar a cultura, actividades, oficios e vivencias do concello na primeira metade do século XX. Unha festa para lembrar uns, aprender outros, pero para gozar todas, a través da recuperación dos oficios existentes no concello. Para iso neste primeiro ano queremos homenaxear á figura dos oleiros, oficio tradicional que engrandeceu ao pobo, dándolle o nome común de Loñoá da Olas.

O 19 de agosto teremos a recreación en vivo de diferentes oficios tradicionais galegos como son a cestería, a olería que nos acompañará dende Niñodaguia, Buño e Gundivós, os teares, a talla en madeira, os fotógrafos minuteiros, zoqueiros, cabaqueiros, e moito máis. Tamén teremos entorno a 30 artesáns, que nos mostrarán o seu delicado traballo e que nos darán a oportunidade de mercar algunha das súas pezas.
Ademais, contamos cun programa variado, adaptado a todo o público. Dende música, xogos populares, obradoiros infantís e para adultos, ata ruta etnográfica da olería tradicional de Loñoá e a apertura da Casa-museo do Oleiro de Loñoá, con moitas pezas de olería entre outros moitos aparellos e artiluxios curiosos, hoxe en día xa esquecidos e en desuso. E como non podía faltar nunha festa, haberá varios puntos onde poder xantar e degustar produtos da terra nun ambiente festivo e en boa compaña.

Non vola perdades! Agardámosvos a todas e todos neste encontro de oficios tradicionais e tradicións.